lunes, 16 de enero de 2012

Hoxe.

Soa: The Story - Brandi Carlile

Hoxe.

Hoxe volvín. Volvín a ese lugar que abandonei hai xa catro anos e, a pesar do paso do tempo, non puiden evitar sentirme coma na casa.
Hoxe camiñei de novo por corredores que seguen vivos na miña mente, rescatei dos caixóns do recordo as caras coñecidas daqueles que compartiron comigo seis anos das nosas vidas. Hoxe, lembreime de centos de ilusións e esperanzas mesturadas con leccións de lingua, historia e matemáticas.
Hoxe o po de xiz ule a vellos amigos, as cadeiras e as mesas volveron ser antigas cómplices de vellos segredos e os chanzos de cada escaleira convertéronse na memoria dos retos superados. Hoxe, as pedras das paredes berraron as historias que día tras días fomos escribindo nelas.
Hoxe recordei con forza a amigos que foron, amigos que son e amigos que serán e o aroma dos nervios e dos medos pasados diluíuse co dos risos e os bos momentos.
Hoxe volvín, e recordei o que me fai estar onde estou, facer o que fago. Hoxe tiven de novo ganas de escribir. Moitas. E os azos desa persoa que dende hai un tempo se fixo cun oco tan importante na miña vida cobraron forma para darlle vida a estas novas pingas de tinta.
Pingas de tinta que nacen coa vontade de enmarcar recordos, rexistrar vivencias, darlle forma á ficción literaria dunha imaxinación soñadora. Pingas de tinta que se erixen dende este recuncho do mundo onde os berros son en voz baixa e os murmurios berrando. Pingas de tinta cargadas coa auga de centos de desexos e inquedanzas coas que intentarei tinguir as páxinas en branco dunha historia.

1 comentario:

  1. Bienvenida a la Blogsfera!!!!

    Volver a un lugar donde has pasado tantos años, siempre hace que te pongas a recordar, con un fuerte aire de nostalgia.

    Me alegra ver que no ha hecho menos que reafirmar los pasos que das ahora y me alegra que hayas decidido a compartirlo =)

    Besos!!!!

    ResponderEliminar